o folletín das oito e media semanal.
Inicio Registrate Ayuda
» Inicio » Cousas_de_Redondela » o folletín das oito e media semanal.

Nuevo usuario                          
Usuario:      Clave:


Tema Cerrado
 
Herramientas Visualización
  #1  
Viejo 31/oct/06, 19:07
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado o folletín das oito e media semanal.

Co obxecto de poder optar ao premio das Letras Chulas de Literatura, todas as semanas, mentres felino ave-césar-lino non diga o contrario, nesta mesma conversa, hanse de editar as diversas partes de que consta un todo con moitas partes, e que pretende ser un todo con todo tipo de aditamentos, e avalorios, e circunloquios que o insigne Flan nos leva ensinado aos que non somos de Dhul.



A LONGA VIAXE A NINGURES



I

Á hora de máis calor dun día extremadamente caloroso do mes de maio, o rifeño Mustafá Kemal Hassani, canso de loitar coas pernas, aproximouse a un lugar de configuración ben estraña, estremante por un lado coa estrada que leva ao veciño Portugal, por outro cos contrafortes que polo oeste presenta o monte Pedroso antes de morrer no fértil val que cruza o río Nispereiras e, finalmente, facendo a terceira cara dun imaxinario triángulo, cunha liña de alta tensión.
Durante todo o día o rifeño non fixera outra cousa máis que andar, e o certo é que xa estaba canso de tanto esforzo, pensaba, da única forma en que os extenuados poden pensar, mentres o seu corpo lle informaba que xa non aguantaba a dor por máis tempo e que paraba naquel lugar, coñecido polo nome de Campañó, xunto dunha fonte que hai preto do cemiterio novo da vila de Lourenzá de Xermade, xusto no centro do imaxinario triángulo.
Mustafá Kemal arrimouse á parede da fonte e aproveitou para descalzarse e pasar revista aos seus pés, totalmente chagados e máis semellantes naquel momento a uns amasillos de carne sanguinolenta que a uns pés.
-Outro quilómetro andando e quedarei sen alpargatas, e se fago dous, estou por asegurar que os pés comezarán a ciscar a carne polo chan – díxose en voz baixa, por suposto no seu idioma, mentres fregaba coas mans aqueles amasillos de carne e os mollaba na auga fresca, ao tempo que trataba de espantar coas mans uns molestos mosquitos que non facían máis que amolalo dende que se iniciara o día.
A calor caía feita chumbo derretido sobre do asfalto, que parecía difuminarse e entrar no interior do cemiterio como unha pantasma; e ata o rifeño chegaba o bafo das coroas e ramos de flores podrecidas no interior do recinto mortuorio, se ben de forma bastante amortecida para el, pois por unha parte o seu sentido do olfacto estaba totalmente emboutado, de tanto que era o seu esgotamento físico e, pola outra, o seu corpo e a roupa completamente sucia apestaban ao salitre da suor.
Carraspeou, para botar fóra da gorxa o po do camiño, bebeu ata fartarse, sen preocuparse de se mollaba os galdrapos que lle servían de vestimenta, e meteu os pés de novo baixo do chorro de auga fría, achando un pequeno alivio que, por un intre, fíxolle esquecer absolutamente todo o que lle pasara nos derradeiros meses.
Mustafá Kemal Hassani era moreno, moi moreno, como todos os da súa raza, pero nos derradeiros tempos, de tanto andar baixo daquela inusual canícula, adquirira unha cor como de camarón a medio fritir. Canto á súa corpulencia, era normal, non podendo dicirse del que fose gordo ou fraco, aínda que o certo era que ben poucos días antes pesaba sobre catro ou cinco quilos máis; os seus ollos eran cativos e tristeiros, de mirada melancólica, o seu nariz era máis ben tirando a pequeno e a súa boca estaba chea de ocos sen dentes e, como sinal máis característico, exhibía un bigote ben poboado e moi negro, como era norma en moitos dos homes do seu país. No demais puideramos dicir que Mustafá era un home corrente, duns trinta anos de idade, máis ou menos, e dunha corpulencia e estatura normal.
Á beira da fonte tamén se erguía un impresionante castiñeiro centenario que proxectaba sombra nun radio duns dez ou doce metros e insuflaba, que diría un vate melindreiro, algo de natureza viva naquel entorno pobre, cheo de asfalto e muros de formigón; e outra particularidade notable a subliñar naquela calorosa hora é que, estando o escenario que describimos á beira dunha estrada nacional, que era densamente atravesada a calquera hora do día e da noite, non obstante non houbo polas inmediacións o que se di ningunha ánima, posiblemente nin un simple paxaro, e nin o primeiro automóbil pasou polo lugar mentres transcorreu o que estamos a contar, pero disto, para a súa desgraza, non foi consciente o noso protagonista en ningún momento.
Mustafá Kemal, logo de fartarse de beber auga, botoulle unha ollada ao castiñeiro e avanzou medio arrastrándose ata o seu pé, quedando oculto daquel infernal sol, impropio dun mes de maio normal, e imaxinou que ningún dos praceres mundanos que coñecía lle podía parecer equiparable naquel momento a aquela sensación de paz, e isto, por un intre, infundiulle novos ánimos e fíxolle pensar que xa só lle faltaba un minúsculo detalle para que todo aparentase perfecto, así que rañou na faldriqueira na súa procura e dela xurdiron unha caixa de mistos, unha moeda de cincuenta pesetas coa efixie dun home vello e papudo, e un paquete de tabaco americano, do que emerxeu un pito náufrago.
O pito prendeuno, que ao estómago hai que enganalo aínda que sexa con fume, di un vello proverbio árabe, e o tabaco era o máis parecido que tiña ás súas plácidas e xa remotas fumadas de kifi. Canto á moeda, botouna ao aire, na procura dun certo sinal esperanzador. Se saía a cara do vello papudo, díxose, buscaría sorte por enésima vez antes de caer definitivamente derrotado, agora na que semellaba aló abaixo, no fondo do val, a difuminada vila de Lourenzá de Xermade, a pouco máis dun quilómetro; e, se saía aquela aguia tan rara e gorda, pois… entón faríase a firme promesa de volver de novo para a súa terra e encamiñaríase cara ao sur pola estrada que levaba ao veciño Portugal.
Mustafá Kemal andaba mergullado nunha racha de mala sorte que parecía non ter fin, e que comezara a aguzarse uns meses antes, cando se decidira a probar a sorte do emigrante na península do norte, tras dunha incerta e dificultosa travesía do Estreito de Xibraltar, por sacarse de riba a fatalidade da pobreza sen horizontes da súa vila perdida nas montañas do Rif. A outros dos seus compatriotas non parecía irlles tan mal en Francia ou en Cataluña, pois cando volvían polas vacacións incluso levaban un futingo con eles, signo aparente dunha certa progresión económica. Non obstante, el, quizais con menos arroutos, só tivera forzas para deambular dun lado para outro da península ata chegar a Galicia, e a Galicia non resultara ser o paraíso que buscaba, pois nin sequera na franxa costeira, que era a máis rica, había traballo para os rifeños coma el que, sen especialización de ningún tipo e descoñecendo o idioma, eran tidos en conta unicamente como vendedores de alfombras ou de ventiladores, nos rigores do verán.
A moeda que tirara ao aire, como atraída por un invisible imán, caeu nun burato, e Mustafá Kemal, de natural pacífico, axeonllouse disposto a buscar o seu tesouro, maldicindo de paso a súa mala sorte, cando sentiu como certos sólidos intestinais lle pedían unha saída urxente ao exterior, e se ergueu para desabrochar o cinto. Seguidamente, baixou os pantalóns a unha velocidade incrible, para despois quedar anicado e, xa máis relaxado, deixou de pensar en todo o que perdera.
Unha inmensa paz volveu a percorrer pouco a pouco e unha a unha todas as fibras do seu ser, e razoou que non todo era malo e triste, e que nalgún momento variaría a súa sorte, pois máis abaixo do que estaba xa non podía estar, así que, xa máis tranquilo, botou a man tras del e colleu sen mirar as primeiras herbas coas que se topou, para pasalas de adiante a atrás, por dúas veces, estrullando con forza.
Nun instante, o rifeño pegou un chimpo no aire e un grito demencial saíu das súas cordas vogais cunha forza inusitada, asustando ás mesmas pólas das árbores, que se moveron como azoutadas por unha tempestade tremenda.
-¡AAARRRGGG! – foi o único, prolongado e desgarrador grito que pegou, a tal punto que pareceu como se pendurase do aire durante un tempo relativamente longo, como se fose e viñese levado por un búmerang.
E era comprensible que o africano gritase daquel modo, pois fregara o cu cunhas estrugas.
A partir de aí, Mustafá Kemal percorreu o quilómetro e pico que o separaba de Lourenzá de Xermade cos pantalóns nas mans, descalzo e no incrible tempo, para un home cos pés totalmente desfeitos, de cinco minutos e medio.
Se naquel momento tivera pasado por alí alguén, sería testemuña de como, proveniente do interior da necrópole, un son ronco, moi ronco, mestura de risa e tose apagada, acompañado dun vento xélido en forma de remuíño, fora detrás do rifeño como se o perseguise, non sabemos se para arrefrialo na súa dor ou para proseguir facéndolle burla.


A vila de Lourenzá de Xermade está situada no fondo de saco da ría de Lantaño, nunha zona na que a ría se converte nunha especie de cuncha de vieira inmensa, unha paraxe que, a pesar destes tempos que corren, segue a ser ben fermosa; e ata ela chega o cheiro salgado do mar cando o vento sopra do sur, cada vez máis lonxe o mar, cada vez máis asolagado.
Poderíase dicir que Lourenzá de Xermade é mar asolagado en terra, unha terra que para nada evoca aquela que, cercada de murallas e dun mar que chegaba ata a praza do Estaleiro, namorara a don Xelmírez cando volvía de Braga, camiño da cidade do Campo da Estrela, onde residía a súa mitra poderosa, traendo con el os restos roubados de San Frutuoso.
Lourenzá de Xermade foi unha vila con historia ata quedar como está hoxe, por iso hai quen a cre sen historia pero non é certo de ningún modo.
O triste é constatar como algúns dos seus habitantes actúan como se quixesen borrar as pegadas do tempo, como se sentisen noxo do paso dos seus maiores, ou algo así.
Dende a distancia pode dar a sensación de que a vila se enfronta á constante obsesión enfermiza dalgúns, que pretenden aterrar o seu pasado e o mar nutricio, aquel mar do que naceu e creceu e do que, pouco a pouco, se afastou sen que ninguén saiba moi ben cal foi o motivo, se é que había algún.
Responder citando mensaje
  #2  
Viejo 31/oct/06, 19:07
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado o folletín das oito e media (IIªs partes)

Esta semana, como é a primeira, damos dous capítulos, para que lle collades o fío ao folletín e vos enganchedes:II

Don Ramiro Puga Sampaio, cura da parroquia de Santiago de Lourenzá de Xermade, era un home duns corenta e cinco anos, aproximadamente un metro noventa de estatura, de complexión forte aínda que delgado, de ollos chispos, de nariz longo e recto, trazos faciais finos, boca expresiva e ton amigable case sempre, a pesar das súas circunstancias. Por outra parte, as súas mans eran grandes e fortes, de dedos longos, e calquera que non o coñecese case de forma irremediable chegaba á conclusión de que o cura compoñía unha impresionante figura, que aparentaba unha seguridade da que, non obstante, andaba moi lonxe.
Canto á súa nai, dona Eulalia Sampaio Montenegro, que convivía con el na reitoral, incapaz de deixalo fuxir da súa opresiva presenza, era a viúva do finado don Xoán Puga Milleiro, secretario que fora do derradeiro goberno civil republicano, e ao quedar viúva de ben nova, sendo don Ramiro da idade de tres anos, houbo de criar o mozo con bastantes apertóns ata que o cativo tivo idade para ser admitido no seminario, ben que a desgusto do neno, era verdade, pero asegurando o porvir dos dous.
Durante a tarde anterior á chegada do rifeño Mustafá Kemal Hassani á vila, don Ramiro estivera lonxe dos ollos indiscretos da súa nai, facendo unha morea de anotacións atrasadas nos libros sacramentais da parroquia ata que, canso de escribir, pechou os vellos atados e dispúxoos lonxe das miradas indiscretas da vella, que constantemente acudía a fiscalizar todos os seus actos, incluso os máis intranscendentes.
Despois ceou frugalmente con ela na reitoral, e máis tarde, cunha desculpa menor, encamiñouse á parte traseira do adro, na dirección das escaleiras que levaban á rúa de Oriente, para dar un paseo, como por outra parte tiña por costume despois de cear; se ben nestes itinerarios tamén acostumaba incluír a visita a outro tipo de capelas máis profanas que aquelas onde exercía o seu ministerio, exercicio este último no que contrariaba a algún fregués que outro, e tamén a dona Eulalia, que non desmaiaba velando polos que consideraba intereses dos dous.
-¿Que se pode pensar dunha muller que tingue o pelo de louro aos setenta e moitos anos, e se pasea con estola de coello polas rúas, expresando opinións sobre calquera cousa imaxinable sen ter moita idea de nada, porque é unha histérica chocha? – ía barruntando don Ramiro, por suposto referíndose á súa nai, coa que durante a cea tivera unha máis de tantas discusións sobre os temas máis absurdos e impensables – Aínda que no fondo ela non ten culpa de ser así. Á xente coma ela fóronlles outorgados certos dons: o de ver a televisión, o da palabra, … e mais o de se erguer en dúas patas, por diferencialas das vacas pero, se falasen as vacas, os científicos terían a posibilidade de observar que non expresaban nada distinto ao tipo de xente coma miña nai.
O certo é que facía xa bastante tempo que as relacións entre a nai e o fillo non era todo o boas que deberan ser, e pouco a pouco fóranse acedando aínda máis, ata chegar a un punto no que o fillo en vez de escoitar á súa nai lle fuxía como se mirase a un compoñente da Santa Compaña; e a nai, en vez de deixar crecer ao seu fillo tranquilo, sen tempo non era, incomodábao cada vez máis coas súas impertinencias de vella que quería seguir mandando.
O caso foi que escurecía cando don Ramiro atravesou o adro pola parte posterior da igrexa, a zona máis afastada da reitoral, e despois de botar unha ollada tras súa, por se dona Eulalia estaba á espreita, baixou correndo as escaleiras que separaban a praza do Adro da rúa das Veigas, para perderse logo pola vella rúa de Oriente abaixo.
A noite era quente, abafante, e nas terrazas dos bares pululaban os mosquitos tabernarios, que saudaron ao cura cuns cánticos de serea tan irresistibles que este, aínda que andaba ao límite da saturación, e que o bandullo non facía máis que pedirlle un pouco de exercicio, non tivo máis remedio que pararse a beber uns netos de tinto e a bruar un par de cancións de taberna antes de poder proseguir.
-Sinto deixarvos tan cedo, de verdade, pero é que en todo o día non fixen ningún exercicio físico, ceei moito máis do que se debe de cear á miña idade e preciso desentumecerme un pouco, para que a comida non pouse de máis – explicoulles aos compinches para desculparse pola présa.
O certo era que aquela noite non estaba para aturar a ninguén e tiña moito en que reflexionar, sobre todo cando pensaba que co rompente do día estaría no domingo e aínda non convencera a ninguén con suficiente empaque como para desempeñar as funcións de sancristán nos oficios; o que o inquietaba moitísimo, pois nos derradeiros tempos era unha situación demasiado habitual como para que non caera na tentación de preguntarse cal era o motivo.
Por terceira vez no que ía de ano a praza estaba vacante, e aínda non sabía moi ben o porqué, pois ningún dos dimisionarios lle dera razón do seu cese, e o máis preocupante para o cura era que non albiscaba a ninguén con desexos de ocupar a praza, e iso que a vila estaba chea de xente que se proclamaba crente-practicante, sobre todo no día do Xesús dos Mareantes, no que se xuntaban máis de mil devotos e devotas dando voltas en procesión pola vila, pegadiños arredor daquela imaxe venerada, incluso polos que non acudían aos santos oficios.
De todas as maneiras, aquilo non era o que máis preocupado o traía, comparado con outras cousas que lle estaban a dar voltas na cachola de forma neurótica.
Dun tempo a aquela parte, asaltábano dúbidas teolóxicas profundas nas que cuestionaba a función da Igrexa na sociedade e a posibilidade de que Xesús non fose un personaxe histórico. Matinaba tamén en se San Paulo non fora un simple e cínico oportunista político, se o Papa Borxia non se trabucaría ao falar de cuestións de fe, ou se o bendito San Xoán Evanxelista se diferenciaría moito de Baudelaire ou de Allan Poe, por nomear dous dos poetas máis malditos e colgados da Historia da Humanidade.
O certo era que sempre tivera aquelas e outras dúbidas razoables, incluso nos seus tempos de seminarista, o que pasaba era que agora padecía no seu interior unha crecente fartura que inexplicablemente o levaba a sentir unha especie de afouteza interior, que o facía capaz de encararse a elas, e non como entón, que se non plantara a súa vocación sacerdotal fora máis por evitar as censuras e reproches da súa nai que por verdadeira vocación.
Todo aquel mare magno de sentimentos latexaba tan forte no seu interior durante os derradeiros meses, que o seu comportamento acabara por converterse nunha conduta totalmente inusual nun cura, unha conduta que pasaba en ocasións por intres de quedarse completamente en branco mentres administraba os sacramentos; e o que era bastante peor aínda, lamentables confusións que, se ben o facían moi popular entre algúns dos seus veciños, casualmente aqueles que non ían aos oficios relixiosos, non levaban aparellados bos comentarios entre o grupo das xentes máis piadosas, aquelas que constantemente estaban no templo. Menos mal que a cousa ata entón non fora a maiores, pois estaba ben relacionado co bispo, a quen coñecía dende os tempos de seminarista, e tamén porque a meirande parte das freguesas achacaran que aquel seu comportamento andaba máis próximo ao dun home enfermo que ao dun herexe.
Don Ramiro cruzou a praza de El-Rei, tamén a praza de María Rita e a rúa dos Fornos, e proseguiu ensimesmado coas súas cavilacións ata cruzar tamén a que fora en tempos praza do Estaleiro, onde estivo a piques de ser atropelado por un automóbil que parecía levar un tolo ao volante; e sentouse finalmente a tomar o aire nun banco do Paseo da Alameda do Xeneral Franco, un xardín de estilo francés que enchía de orgullo aos habitantes da pequena vila.
Case na escuridade e acompañado do monótono cre-cre dos grilos prendeu un Celtas sen filtro, o seu tabaco preferido, e abaneou a testa, como se con aquel movemento pretendese espantar aquelas súas monotemáticas cavilacións, intentando deixar o cerebro en branco e saborear o ben que se estaba alí, rodeado daquel entorno case bucólico, que tiña como único inconveniente o tufo que despedía o río Almeida; río que limitaba o Paseo pola parte do poñente, e que, cando baixaban as augas, por efecto do fluxo das mareas, deixaba as gamelas varadas sobre da lama do fondo, cercadas de gaivotas á espreita de levar algo, e que case sempre ensinaba, no medio, unha galiña morta á que as descaradas aves de rapina do mar picaban entre mirada e mirada de esguello ao seu redor.
Os grilos proseguían o seu interminable cre-cre, cada vez máis parecido a unha inacabable salmodia dos irmáns da Adoración Nocturna dentro da cabeza do cura, cando chegado a un momento pousou os ollos nun espazo indefinido diante súa, mentres o fume do tabaco lle subía compacto ata a altura dos ollos e dende alí se repartía e se perdía máis arriba, feito volutas, para regresar estrañamente, envolvéndoo, ata que xa só captou o murmurio mais o estraño comportamento do fume.
A salmodia dos grilos producíalle un efecto narcótico e quedou como amorriñado, nun estado de atordamento, entumecido, repregado en si mesmo, como se volvese novamente ao claustro materno, e do fume, agora convertido nunha estraña néboa nos ollos do cura, xurdiu unha visión ou soño.
-¡Oh, si! – dicíase don Ramiro, que estaba dentro do soño – Hai que recoñecer que se está ben na Alameda a esta hora. Polo menos non hai o barullo dos futingos nin o dos nenos coas bicicletas polo medio dos xardíns, amolando, nin o das nais a chamalos.
....(seguirá o segundo capítulo para a semana que ven...)
Responder citando mensaje
  #3  
Viejo 1/nov/06, 16:04
AlfBigears
Miembro
 
Fecha de ingreso: 3/feb/06
Localización: Teheran
Mensajes: 21
Predeterminado Os éxitos do baloncesto español contáxiannos

Salam:
Ese Mustafá Kemal Hassani non será o que o pasado luns pretendía formar e uniformar a Garda Mora para asistir ás exequias da muller de Mohamed Mezquitas debido ao alto cargo deste último na devandita G.M. e así marcarse unha tripla, dúas asistencias e un gorro novo.
Segundo indagacións posteriores debe ser parente, pois o nome do "individuo" é Kemal Alfayed Fatah e creo que o único que sabe facer ben e xogar ao baloncesto ou con calquera tipo de pelota.
Inshallah.
Responder citando mensaje
  #4  
Viejo 4/nov/06, 20:08
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado o folletín das oito e de media semana

co asunto do cambio de hora anual ...ven da media semana pasada

.....Todo isto dicíao en voz alta, como se quixese espallar aos catro ventos o feito de que era o único usuario dos xardíns naquel intre, a non ser, e quedou primeiro como en branco e logo mudo ao advertir un punto inconcreto baixo dun farol, ao pé do pequeno estanque que en cuxo centro se atopaba unha estatua do heroe local montado a cabalo, un militar do século XIX que se distinguira con valente crueldade na guerra da independencia cubana, onde unha figura medio borrosa, esa sería a expresión máis axeitada para describila, aínda que tamén poderiamos dicir difuminada, rebuscaba na faldriqueira con verdadeiro nerviosismo, primeiro na chaqueta, logo nos pantalóns e incluso nunha pucha de feltro que levaba, que chegou a sacar da cabeza e a pisar con tal contundencia que parecía como se tivese verdadeiras ganas de liquidala, como se esta tivese vontade propia e fose culpable do que lle estaba a pasar.
De súpeto, a figura borrosa ergueu a cabeza e mirou para don Ramiro cun sorriso sinistro, recolleu a pucha do chan, sen preocuparse de limpala, e dirixiuse con paso vacilante, como de bébedo, ata onde estaba don Ramiro e este sentiu un calafrío e unha sensación estraña, como xamais sentira anteriormente, cando ollou de cerca a aquel individuo que, conforme avanzaba parecía facerse máis espeso.
-¿Sería tan amable de ofrecerme lume? – díxolle sen mover os beizos para falar, ao xeito dos ventrílocuos, cunha voz profunda e moi áspera, que zoou dentro do cura como os golpes dun martelo dando contra do seu cranio.
-Si, como non – contestoulle mentres metía nerviosamente a man na faldriqueira da sotana en busca do esqueiro.
Cando o tivo na man, don Ramiro estendeu o brazo cara ao outro e ocorreulle algo do que xa non se esquecería aínda que vivise douscentos anos máis, pois, sen que as mans do individuo interviren para nada, materializouse na súa boca un inmenso xaroto, o máis grande que mirara endexamais, que prendeu de inmediato sen intervención de ningún esqueiro, e comezou instantaneamente a desprender un arume penetrante e rico como nunca un xaroto desprendera.
Paralizado polo terror, o cura deixou caer o esqueiro mentres oia coa boca aberta e contemplando un punto indefinido do xaroto, como o extravagante ser lle daba as grazas e as boas noites en francés, mentres facía a un tempo unha pequena reverencia e desprendía uns enormes aneis de fume espeso, que axiña o rodearon como unha cadea de galeote, e desaparecía envolto neles polo aire.
A visión ou soño, fulmínea como deber ser toda visión ou soño que se prece, se ben se prolongara máis do que dura unha exhalación, non persistira máis aló do que se tarda en recitar un Pai Noso.
-¡Xesús, que pesadelo horrible! Se me obrigaran á confesión agora mesmo, xuraría que acabo de ter unha visión demoníaca – acertou a dicir tras dun par de minutos de estremecedor silencio.
A don Ramiro veulle entón á memoria como na súa nenez lle contaran a carón do lume, na súa Fraga de Budiño natal, na aldea de Cabazas de Randín, unha historia de aparicións que lle sucederan a un tal Máximo Rei cando regresaba á súa casa despois de asistir ao funeral dun amigo da familia, na aldea de Barbudo. O asunto fora que ao chegar á lagoa das Eiras, Rei detívose a contemplala mentres leaba un pito, como tiña feito tantas veces, cando viña da feira de Pontecaldelas ou doutras ocupacións que o levaran por aqueles predios, e viu como aquela tarde había unha estraña calixe mesmo enriba da lagoa, a pesar de non facer calor como para tal, e como de súpeto se levantaba un vento dende o fondo da lagoa e esta comezaba a esmorecer, como se todas as augas pareceran fuxir, ao igual que se devalase un inmenso mar, quedando unha profundidade infernal onde antes estaba o líquido.
Deseguido apareceu no fondo da lagoa unha pequena cidade de trazas medievais, con murallas, con torres de igrexas e pazos e, nunha solaina do máis alto dos pazos, Rei viu sentado no seu trono ao rei, ou o que a el lle pareceu un rei, un coroado con quevedos, regordecho, con colorete e rabudo, que amosaba un retranqueiro sorriso e parecía suspenderse misteriosamente no aire, a escasos centímetros da solaina, e sentado enriba dun trono que lle pareceu de rubís.
Por certo que agora que lembraba aquela historia que lle contaran sendo aínda un rapaz, tiña a sensación de que aquel rei que penduraba da nada tiña un certo aire a un tal don Álvaro, alguén que coñeceu posteriormente, durante a súa estancia no seminario de Mondoñedo.
Baixo do home do colorete había unha praza cunha rotonda xigantesca e, no medio da rotonda, unha fonte que manaba viño tinto con azucre, que parecía ter un gran movemento de xentes en festa, agardando impacientes a vez de beber, armando un alboroto atronador, e Rei, segundo dicía a narración, pensou que aquilo se parecía moito á romaría de San Carallás.
O asunto foi que como o home viña farto do abellón e non estaba na mellor das situacións posibles para deixar traballar con calma ao seu cerebro, nun momento dado xa só tivo ollos para o rabudo, que por momentos lle pareceu un home terrible, sinistro, aínda que tamén divertido, isto dependía de porque lado o vise, pois polo dereito era terrible e polo esquerdo non; e obsesionouse por achegarse ata el.
Rei, que como todos os carreteiros era un home de armas tomar e non se afastaba ante nada, dedicouse entón a pescudar un camiño para baixar ata a cidade e encararse co home que se suspendía na solaina; e cando deu co camiño, unha corredoira labiríntica e cuberta dunha espesa follaxe de vides que desembocaba xunto a unhas reviradas grellas que estaban ao pé do pazo, nas que por certo se asaba churrasco de vitela ao estilo pampeiro e bacallau á minhota, volveron as augas, xurdindo vermellas como sangue e ruidosas como se desbordasen dun encoiro ou acudisen dos confíns do mundo, e cubriron de novo a cidade coa súa praza, os seus pazos e as súas torres, as igrexas e as murallas, mentres un berro retranqueiro se erguía entre aquela barafunda para lle dicir:
-Aínda non che é hora, lacazán.
Naquel entón, o bo de don Ramiro, que por entón non era máis que un cativo, crera que a cousa non era máis que un conto das vellas de Cabezas de Randín para meter medo, pero agora, tantos anos despois, case estaba por asegurar que o que o bo de Rei mirara daquela non era outra cousa máis que as portas do inferno. O que non acertaba a explicarse en tal caso era que facían alí as igrexas e os seus campanarios.
Non había dúbida, era a fatiga, a maldita fatiga moderna, que atacaba sen compaixón incluso aos curas, pensaba minutos máis tarde o bo de don Ramiro, xa máis acougado e entrelazando o suceso anterior coas lamentables confusións dos derradeiros meses, que ao parecer dalgúns eran erros imperdoables e comportamentos anormais.
¡Se nin alí podería estar tranquilo!, e iso que a atmosfera parecía a máis axeitada para a relaxación, pero…pero, a pesar da placidez do escenario, a desorde mental estaba claro que o levaba a un estado de morbideza non moi axeitado para facer fronte a todos os problemas que se lle presentaban.
Unha e outra vez, o seu cerebro volvía sobre do mesmo, como se estivese atenazado e, aínda por riba, avanzando un grao naquel estado que só podería levalo ata a autodestrución, e chegáballe aquel pesadelo disparatado, con aquela abraiante visión a maneira de agasallo.
Ata a súa mente acudiu entón a lembranza de como a pasada tarde, mentres oficiaba, se trabucara cando lera o Breviario e botara auga santa por riba do cadaleito no funeral de don Salustiano Méndez Daponte, mentres lle dicía:
-Bautízote no nome do Pai, e do Fillo…
¡Deus, que mal caera aquela confusión entre a familia do morto! ¡Se ata levaran o cadaleito para o cemiterio eles sós, e sen agardar a rematar o funeral! ¡E que caras, Xesús! ¡Se parecía que dun intre a outro se ían botar enriba del!
Pero aquel non fora o único erro, pois días atrás, cando o chamaran para bendicir a inauguración dun negocio de venda de automóbiles na Avenida de Santa Salgada, cantáralles o “Requiescat in pace” ou, como dicía un antigo colega de seminario, o “Redondela i Porriño”.
Con todo, alí foran compracentes e botáranse a rir como parvos, sen darlle maior importancia ao incidente, pois tomárano como unha graza máis do simpático cura.
-Por certo – fixo unha digresión – aqueles pinchos e aquel viño do Condado que serviron na inauguración de marras, estábanche ben ricos, si ho. ¡Magoa de non ter algo parecido para levar á boca neste momento! – pensou, a pesar de que levaba o bandullo ben cheo.



...seguirá para a semana
Responder citando mensaje
  #5  
Viejo 10/nov/06, 15:03
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Talking

...despois desta semana inglesa de seis días, e como hoxe a noite vou ir á manifestación, agasallo á concorrencia co seguinte capítulo de AMA ROSA VERSIÓN Á REDONDELANA.


Marvís, case nacido Fernando Zarabeto por culpa da súa peculiar forma de falar, leva quince anos arrimado á porta da súa casa, na rúa de Pasarón, fronte do peirao onde remataba o río Almeida e comezaba a ría. Por el pasan os días ledos e tristes, por el pasa a veciñanza contiñeira, e por el pasan as horas que soña.
Fernando Marvís leva eses mesmos quince anos coa invalidez permanente, dende que caera ao mar no porto do Xervés, na veciña cidade de Lantaño, despois dunha bebedela de campionato que rematou con el no hospital, logo de que a caída contra das rochas do fondo lle provocase un traumatismo cranial do que sandou parcialmente, agudizado anos despois co descubrimento dunha cirrose galopante.
-Colleu a cirrose co gasóleo do Xervés – comenta a súa muller, Afriquita Salgueiro, que inventou esta desculpa que a ela lle parece moi convincente, para xustificar o estado de saúde do seu home.
Por certo que Afriquita naceu na Galicia do interior e nunca pisou o porto do Xervés, entre outras razóns porque lle dan noxo os peixes mais o traballo, por esa orde, e prefire darse a señorita de boa familia que a filla dunha familia de aldea, como se o ser da aldea fose un baldón ignominioso.


O cura don Ramiro abaneou a cabeza, como se quixese arredar do seu maxín aquela digresión exotérica, ao tempo que trataba de buscar un fío condutor que lle parecese amable e de confianza para poderse asir, pois advertía que todo o seu pasado se lle estaba caendo pouco a pouco, sen remedio.
Cada día que pasaba acontecíalle con maior frecuencia o perderse en divagacións sen senso, e outras quedaba como bloqueado, e pensou senón sería que se estaba a facer vello, o que aínda lle produciu máis desacougo, ou se non estaría a facer desgaste no seu organismo o inxente trafego de alcohol dos derradeiros tempos.
Nestas andaba cando se ergueu ao ceo, como unha imploración inconmensurable, un espantoso ronquido animal que o apartou das súas meditacións ao compás do cre-cre grileiro.
-Algún can ouveando - pensou, sen darlle maior importancia, e axiña volveu, novamente abstraído, ás súas meditacións.


Narcisa González Outerelo é unha muller que se ganou fama de ninfómana, quizais sen moito motivo, pois a verdade é que nunca se lle coñeceron moitos pretendentes nin acompañantes, pero de todas as formas esa non é a súa principal peculiaridade, para nada.
A principal peculiaridade pola que é coñecida Narcisa é por posuír unhas pernas, uns brazos e un ventre atestados de pregos, que levaron a que algúns a comparasen a unha xovenca cebada; e todo porque o seu corpo é enorme e cando se incorpora faino con moito esforzo, pois é como un outeiro de ancha e de alta como un elefante, o seu antifonario é máis gordo có tronco dalgunhas árbores, e cando dorme ronca con máis frecuencia e estrondo do que sería usual nun gordo normal.
Por outra parte, os seus peitos son máis pesados có corpo dalgunhas fracas e é, definitivamente, dunha deformidade que a quen a ve por primeira vez lle parece repugnante; unha deformidade que foi provocada por unha perturbación glandular que os seus pais non se atreveron a tratar a tempo cando comezara a metamorfosearse e a engordar e a lle saír pelo como a un home, disto xa fai uns vinte anos.
Estes, un pouco por ignorancia, por evitar o escarnio que a plebe sempre dedica aos monstros públicos, preferiran mantela pechada dentro da casa e empapuzala como un capón de Vilalba, ata que por un casual sóubose todo; ao tempo que se descubría que os seus irmáns, máis coñecidos polos xemelgos Pupús, traficaban con cocaína e con outras drogas, que é unha forma de facerse rico sen moito traballo e axiña.


III

Don Renato Daniel Alcrique Paz, xefe da Policía de Lourenzá de Xermade, era baixo e chuchado de figura, de cabeza pequena, de orellas grandes e abertas, aínda que non tanto como o seu conveciño Fernando Marvís, e era rengo da perna dereita, o que lle provocaba que ao andar levantase a perna enferma como se tratara de despegar unha molesta goma de mascar da sola do zapato.
Don Renato Daniel andaba polos sesenta anos de idade e na súa xuventude, antes de dedicarse ao difícil oficio de policía, fora contrabandista aló pola Raia Seca, preto do Couto Mixto. Pero iso, como el mesmo dicía cando llo botaban na cara, non era outra cousa máis que pecados de xuventude, ou cando menos iso era o que lle parecía a el, agora que tiña tantas cousas que tapar e que perder.
Don Renato Daniel tamén tiña outra particularidade, e era que o bo do home pertencía á caste de Antón de Leivas, aquel de quen contara don Cunqueiro de Mondoñedo que por ter a orella dereita máis grande que a outra librara de ter un “apostema finchado nos interiores” pero que, nun descoido, non fora quen de librarse de que o mal lle pasara ata a orella, onde se lle desenvolvera benigno e dun xeito ben cómico, ata o punto que as veciñas acudían a el por escoitar o mar na súa orella, igual que outros achegan o oído ás caracolas mariñas, aínda que neste caso a orella do seu parente parecía máis axeitada para os contos dos laricas.
Pero volvendo de novo á nosa historia, a mesma noite que seguiu á tarde na que o rifeño chegara á vila, o xefe don Renato Daniel Alcrique era acompañado no seu retirar cara á súa casa pola rolda nocturna cando, no Paseo da Alameda e do medio dun dos terrados centrais, sentiron emerxer do escuro un ruído descomunal que os desorientou a todos.
-Seguramente será unha parella a xogar ás bonecas – comentou un dos seus subordinados, con retranca.
-Non me estrañaría nada – comentou Alcrique, que iniciou o que tiña todas as trazas de ser un dos seus acostumados e inacabables discursos, que acostumaba a dar con ostensibles xestos dos brazos que o levaban a esparexer a cinza do pito polos uniformes dos seus subordinados.
-As parellas de hoxe en día non teñen ningún tipo de recato. Pase que xoguen a reproducirse pero, o que me resulta inadmisible, o que non sei tolerar, é este rebumbio burlesco. ¡Vamos, como se quixesen metermos cobiza no corpo! A xuventude de hoxe está formada por unha panda de dexenerados, dígovolo eu. ¡Como se non puidesen facer eses traballos sen lles dar tanta publicidade! – dixo mentres rechiaba os seus dentes con forza, no que tiña todas as trazas de ser un xesto de desaprobación.
Cando rematou de falar, e como se estivesen compasados, volveuse a producir outro ruído de características semellantes.
-¡Um!, non sei se non andaremos equivocados, xefe. Iso non parecía un grito de pracer – engadiu o policía que aínda non falara.
Cautelosamente e coa lanterna prendida, a patrulla avanzou polo medio dun dos terrados dos xardíns ata tropezar cun vulto.
-Só é un home – dixo xa máis acougado un deles.
-Pois ouvea como unha pantasma – dixo o outro, mentres botaba a gorra para atrás e afrouxaba aliviado o colo da camisa, para coller aire.
Mentres sucedía esta escena, o home vulto repousaba totalmente extenuado e soñaba que se escorregaba silandeiro, ao xeito dos grandes felinos africanos, case sen pousar no chan, como se andase por riba dun mol xergón de escuma, por un deserto de area que parecía non ter fin, ou cando menos el non era quen de divisala.
Conforme avanzaba, ao home vulto pareceulle que o decorado adquiría unha cor ocre, cun certo ton que lle lembraba a cor do sangue callado, e comezou a sentir que a temperatura era o factor máis agradable do decorado, pois era morna, e que o ceo estaba totalmente azul. Tamén percibiu que non había vento algún, e que a atmosfera era desértica, carente de elementos.
Nisto consistía a composición do decorado, que aquel home foi percorrendo sen medida de tempo, ata que o corpo, canso, comezou a pedirlle descanso e comida con intervalos cada vez máis cativos. Aínda así, unha forza interior mandouno proseguir aínda máis e obedeceuna durante un tempo relativamente longo, ata que o esgotamento foi tal que o corpo acabou por volverse xoto coa mente e se negou a recibir máis ordes.
O soñador sentiu, entón, como se unha metamorfose o atacase, como lle acontecera a don Gregorio Samsa, aquel home da familia de Kafka, aínda que doutra forma, pois as mans e os pés mudáronlle en poutas, o paso cambioulle, pasando a ser idéntico ao dos cuadrúpedes, e sentiu como a espiña se lle dobraba ata conseguir que a cabeza se inclinase tanto que pareceu rozar o chan, percibindo instantaneamente unha axilidade incrible e incomprensible só uns segundos antes; e tamén sentiu como o seu corpo gañaba en sensibilidade ata puntos impensables anteriormente, experimentando dentro del unha sensación de ledicia espiritual e fartura física que o acompañou por moito tempo. Logo apareceulle unha néboa, que de vagar baixou e se agrupou ata adquirir forma humana, e desta forma humana xurdiu despois un individuo transparente e rarísimo, co ollo esquerdo vermello, que non paraba de rodar como tarabelo na súa cunca, e o dereito amarelo e como medio morto.
O tal paisano, por chamarlle dalgún xeito, levaba unhas gafas negras, que poderiamos definir como ridículas, canto que eran inmensas e de montura plástica pintadas en rosa, e vestía ademais uns pantalóns de cadros rechamantes e enormes, quedándolle por riba dos tornecelos, e deixando entrever unhas pernas cheas de pelos grandísimos que sobresaían, de forma realmente incrible, por riba duns calcetíns estrambóticos e lixosos. Canto á camisa, era dun floreado excesivo, case groseiro, cheo de cores e todas elas extravagantes; a chaqueta como de dúas tallas máis curta do preciso e tamén a cadros, como os pantalóns; e os zapatos esaxeradamente grandes, pero o dereito máis que o esquerdo, sen saberse moi ben se a razón se correspondía cun desigual tamaño de cada un dos pés ou cunha esaxerada mostra de snobismo.
Responder citando mensaje
  #6  
Viejo 15/nov/06, 20:08
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado

...despois desta semana de cinco días, proseguimos co mellor folletín que houbo nunca, despois de don Guillermo Sautier Casaseca.......
recordamos que este texto ten copyright e está rexistrado na oficina de patentes de edicións Cerdeñoso e Fillos.


Canto á cara, hai que dicir que era tremendamente pálida, máis propia dun cadáver ca dun vivo, e nela exhibía un ridículo bigote que semellaban dúas plumas de galiña, por riba do que parecía aínda máis un ridículo sorriso, tan grande que semellaba non collerlle no rostro, máis para o lado esquerdo que para o dereito, ata que houbo un momento no que, de tanto visionarlle a face, esta comezou a crecer e a agrandarse, acabando por ocupar todo o campo de mira do soñador.
Foi entón cando este sentiu o que en principio lle pareceron unhas pequenas punzadas nos costados e espertou no medio do que semellaba unha alameda, na escuridade da noite e rodeado de varios policías que non paraban de facerlle preguntas e de golpealo con pequenos couces nos costados.


Fernando Marvís, a quen os seus veciños impuxeran o alcume de Fernando Zarabeto pola súa peculiar forma de pronunciar, foi un mariñeiro que, cando hai anos desembarcaba no porto do Xervés, facía dous montes coa súa paga, un para a súa muller Afriquita, unha caratriste da aldea con pretensións de chegar a señorita rica da vila, e o outro para unha morea de tascas onde acostumaba parar antes de emprender o incómodo camiño da casa.
-¡Toma! Aí che quedan tres mil pesetas – dicíalle ao dono da tasca de quenda, mentres engulía dun grolo a copa de Sansón e collía folgos ata a seguinte taberna, onde facía a mesma operación.
-¡Toma! Aí che queda a nómina do mes – dicíalle entón ao segundo, e ao terceiro e ao cuarto.
Desa maneira, cando Afriquita Salgueiro lle reviraba os forros da faldriqueira, non topaba máis que moedas soltas, o que confirma que cando hai necesidade sempre se aguza o enxeño, incluso o dos que aparentan non telo.


O xefe Alcrique era o que estaba a lanzar os couces nos costados do rifeño, coa intención de espertalo de forma contundente.
-¿Ten algún documento que o identifique? – preguntoulle nun ton de voz alto e rudo, que delataba a secreta esperanza de que non fose identificable e houbese que levalo a identificar ás dependencias da Policía.
-¿Que? – o vulto, aínda intranquilo polo pesadelo e sen espertar totalmente, tamén se atrevía a preguntar - ¿Quen son vustedes?
-¡Somos a Policía, identifíquese! ¿Que leva nesa bolsa? – díxolle un dos policías mentres enfocaba a lanterna aos ollos do rifeño, e este non tiña máis remedio que protexelos co antebrazo dereito.
-¿Que cre qui pode ser? – díxolle no peculiar galego dos magrebís – Galdrapus purcalleiros, home. Si us quere dóullelos e que lle aproveiten – contestou o vulto, bastante contrariado polo acoso e sen saber aínda moi ben con quen falaba, mentres contraía o seu corpo ata adoptar unha postura semellante á fetal, máis apropiada para tapar o frío.
-Non, moitas grazas, gárdeos. Igual lle fan falta. ¿É de por aquí? – proseguiu interrogando Alcrique, a pesar de que polo acento debera de ser ben notorio que se trataba dun estranxeiro.
-¡Pero vamus! ¿É qui acasu non teñen nada millor por faser que importunar a un pobri moro que non ten ondi cairse murto?¿Cal é o meu crime, eh? Anda, liscade e deixádeme durmir tranquilo – dixo, agora xa visiblemente anoxado, aínda que sen levantar a vista da terra.


A catro quilómetros da vila de Lourenzá de Xermade, a rentes da estrada que leva ao veciño concello de Toén de Caldás, está o vertedoiro do lixo, a esterqueira, a “fedora”, a fábrica de café dos da vila,…que de todas esas formas, e incluso doutras moitas que omitiremos para non ser reiterativos, bautizouna o enxeño dos aldeáns. A trescentos metros, nun plano máis fondo, discorre o río Almeida; e, a un quilómetro do vertedoiro, estaba ata fai ben pouco o antigo depósito municipal para as augas de uso domiciliario.
Para facer o café na vila, dicían os da parroquia de Rebordáns coa retranca propia dos da aldea, abondaba con mercar a chicoria, pois o Concello levaba anos agasallando de forma gratuíta aos veciños da vila cunha auga de consumo domiciliario que se parecía bastante ao café.


Alcrique, canso do cariz que tomaban os acontecementos, fíxolles acenos aos seus subordinados para que recolleran a aquel elemento e o trasladaran ata as dependencias policiais, e estes agarraron o vulto polos brazos e erguérono con forza, pero non contaban con que o elemento para entón xa estaba algo máis esperto e conseguiu desembarazarse do abrazo policial e agredilos coa bolsa dos galdrapos, que estaban bastante tesos por certo, producíndolle dano a un no peito e tirándolle a gorra da cabeza ao outro.
-¡Eh! – protestou o da gorra mentres se agachaba a buscala no chan – Isto vaiche custar ben caro, xa o sabes.
-¡Tuma i tuma! - contestoulle a gritos Mustafá Kemal Hassani, mentres enarboraba a bolsa como se fose unha arma e comezaban a xurdir da escuridade moitos interesados en mercar entradas para contemplar o seu problema.
-¡Eh, Alcrique! ¿Que pasa con ese home? – preguntou alguén dende o centro do grupo.
-Esixu falar cu alcalde – gritou cunha axilidade mental encomiable Mustafá Kemal Hassani, ao verse con respaldo e tratando de falar un idioma algo máis depurado.
-Deixar en paz ao pobre do home – dixo outra voz dende o fondo da escuridade.
-¡Ir vixiar os cacos! – engadiu con voz de histérica unha sesaxenaria que tamén se acercara, atraída pola algarabía.
O xefe Alcrique, que era un home de aparencia enérxica, mantívose imperturbable nas súas trece e ratificou a orde de trasladar ao perturbador ata as dependencias policiais, como fose, fóra das miradas indiscretas, pois a súa experiencia dicíalle que cando se atopara só, xa se lle pasarían todos os fumes. E no que tocaba ao grupo, a súa experiencia tamén lle dicía que ao levar o emigrante do lugar, xa se esparexería coa mesma velocidade coa que aparecera.
-¡Liscade, chacurras, deixalo tranquilo! – vociferou outra voz de verba aparentemente abertzale.
-¡Fascistas, seguides usando os mesmos métodos de sempre, fascistas! - gritou entón un antigo militante antifranquista.
Alcrique levaba os suficientes anos de profesión como para saber que non se debía caer na provocación do insulto, sobre todo cando o insulto proviña dunha turbamulta, pero xamais aguantara aquel último. Era superior ás súas forzas e enchíao dunha carraxe que non podía dominar, aínda que o intentase.


Fidelio Zambreiro é dunha fealdade que produce verdadeiro medo a quen non o coñeza, tanta que lle chaman o Drácula, porque ten as cellas engruñadas como se estivese de continuo enfadado e porque por toda dentadura só ten os caninos, que son longuísimos, por certo. Pero amais é calvo, só ten unha franxa de pelo do ancho das orellas, e é longo da mesma forma que o era aquel dómine Cabra que debuxara don Quevedo, disto xa hai moito.
-¡Unha beldade! – dixeron algúns dos que estaban dentro do bar que había na rúa dos Pasais, cando o viron subido a unha escada inmensa, pintando o farol central da praza do Val, un enorme farol de máis de dez metros de altura que chegara a representar todo un símbolo para os habitantes da vila.
-¡Un reclamo turístico, seguro! Os do Concello xa non saben qué inventar para atraer o turismo - dicían outros.
-¡Que va, home, que va! Seguro que é unha baliza para os avións – argumentaban aínda con máis sorna uns terceiros.
-¡Drácula, baixa a chupar o sangue! – dicíanlle os que sabían da súa afección a beber o tinto.
-Mellor sube ti, a chuparme esta – contestáballes, facendo un aceno obsceno.


Alcrique dirixiuse ao que proferira o insulto e chamoulle comunista cando o mirou co puño pechado e levantado, pero o pronto, lonxe de ter un efecto tranquilizador, foi considerado como unha provocación polo grupo, e unha chuvia de obxectos comezou a voar polo aire, en dirección aos uniformados, que tiveron que aguantar o temporal como puideron, primeiro discretamente, e logo xa de forma aberta á carreira, sendo acompañados durante uns cincuenta ou sesenta metros polos máis atrevidos.
Pero con todo, o sangue non chegou ao río, e case tan axiña como aparecera a xente, así se esparexeu. No fondo, parecía que unha vez desafogada a impetuosidade inicial, ninguén mantiña un interese especial polo caso, e menos en ver e escoitar a historia triste dun vagabundo aventureiro que, posiblemente, incluso cheirara mal.
Foi entón cando o cura don Ramiro, que permanecera en segundo plano ata entón, se acercou ata o rifeño.
-Polo teu acento pareces marroquino – dixo don Ramiro, rompendo o xeo.
-Ti pola nigrura parices corvo – faloulle con rancor o rifeño, no seu peculiar galego.
-Vaia, vaia, vexo que rebordas amabilidade. ¿Estás de paso?
-Ifitivamente, intilixente.
-¿Buscando traballo…quizais?
-Asirtou.
-Estarás canso, supoño.
-Adiviñou.
-E terás fame, supoño.
-Volviu asirtar.
E, xa falando en árabe, díxolle ao cura, que por suposto non lle entendeu absolutamente nada:
-Aconséllolle que se dedique a adiviñar o futuro. Poderíalle dar o enderezo dunha librería exotérica de Casablanca onde venden cartas do tarot.
Mustafá Kemal ergueuse entón do chan, a onde volvera tras recibir a primeira porrada, e quedou sorprendido ante a impoñente figura de don Ramiro e da súa sotana, e por un intre sobresaltouse pensando na impertinencia das palabras que dixera en árabe, como se o cura as comprendera.
-Pirdón, pirdón, siñor sasirdote. Eu falaba sen sabir con quen o fasía. Non sabía que falaba cun sasirdote católico.
Responder citando mensaje
  #7  
Viejo 20/nov/06, 18:06
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado

...ven da semana antes desta...


-Non tes que escusarte, home. Fágome cargo da túa situación. En acto de desagravio, e para que vexas que non estou anoxado nin que todos os habitantes desta vila che son iguais aos que marcharon, ofrézoche pousada e cea na miña casa. Iso si, sempre e cando deixes os cabreos na porta.
Mustafá Kemal Hasani sempre escoitara dicir aos vellos católicos, e na súa terra aínda quedaba algún francés dos tempos do Protectorado, que os alimentos doces eran propios dos curas católicos, frase que agora estaba en disposición de verificar, así que aceptou. ¡Faltaría máis! Por outra parte, tampouco tiña outra oferta mellor, nin ningún outro sitio onde comer ou durmir.
-Por certo – comentou como de pasada o señor cura – mañá é domingo e aínda non teño quen me poida axudar a dicir a misa. Si, xa sei que ti es musulmán, ou cando menos parécelo, pero iso non debería ser un impedimento grave entre dous amigos, penso eu.
Mustafá Kemal Hassani, que levaba máis fame que faltas leva unha preñada de nove meses, nin se decatou da intención do depravado de don Ramiro. En todo caso, o único que realmente lle preocupaba ao esfameado musulmán era comer para diante, e ante esta actitude o cura comezou a construír cábalas no aire.

Siso o das Coviñas só se distingue dun raparigo polas engurras e, cando é visto dende lonxe por primeira vez, todo o mundo coincide en dicir que a súa cara parece a dun neno medio amariconado. Incluso houbo quen lle buscou un alcuño, como parece ser a práctica habitual nesta vila tan dada aos bautizos de fóra da igrexa, e puxéronlle “Siso o da pirola seca” porque cando lle falan de mulleres sempre responde o mesmo, cunha voz profundamente atiplada, xurdida do fondo do seu estómago:
-Aos meus anos xa se ten a pirola seca e xa non che vale para outra cousa máis que para mexar – comenta case como nun lamento.
A Siso sempre se lle foi a vista para os homes, como todo o mundo sabe, o que non debe de estrañar pois esta é unha vila tan endogámica que nada pode quedar oculto. Non obstante é tan coitado o pobre que, moi posiblemente, morrerá sen probar os praceres da carne.



IV

Don Francisco Xosé Crespón Baldeiro, un home papudo e avermellado por abusar do alcohol, levaba trinta anos de director da Casa de Repouso de Tameiga, un bucólico lugar cinguido de árbores e herba, que se afastaba do mundo por medio dunha altísima reixa que lle confería un aspecto de casa grande de película de terror.
Nese recinto e unhas horas antes da chegada do rifeño Mustafá Kemal Hassani á vila de Lourenzá de Xermade, tiña lugar no despacho do director unha reunión entre este e o seu axudante, que se iniciara coas palabras “estou abraiado”, coas que don Francisco pretendía expresar o seu estado de ánimo ante a situación que se lle presentaba.
Don Francisco Xosé, que comparecía vestido cunha bata branca das usuais na clase médica, que por principal peculiaridade presentaba unhas inmensas letras bordadas en azul que dicían “Doutor F.X.C.B.”, non saía do seu asombro mentres lía a documentación que acompañaba ao novo ingresado, un tal Leonardo Euloxio Ferradáns Cotarelo.
-¡Pero imos ver, ¿como pode ser que nunha vila de menos de trinta mil habitantes haxa cen tolos a tratamento, e todos eles no meu sanatorio? ¡Isto é inconcibible! Como me traian outro é que será como para tolear, ou para pasar de todo e irme a vivir directamente a ese invernadoiro de dementes.
O axudante, un home de aparencia débil, fraco e esbrancuxado de non darlle moito a luz, que tería uns corenta anos de idade e semellaba ter un condescendente e pacífico aire de ovella, chamábase Horacio Apuleio de Mendoza e permanecía na presenza do seu xefe en bondadoso silencio, pensando moi seriamente en cales poderían ser as causas que orixinaran tal proliferación de enfermidades mentais na vila de Lourenzá de Xermade, de onde era natural o novo ingresado e unha gran parte dos outros internos.
O señor don Horacio era moi boa persoa, pero iso, con ser moito e bo para dicir de alguén, case era todo o que se podía anotar no seu haber, senón queremos contabilizar como mérito a posesión dunha imaxinación que poderiamos definir como aparvada e maternal, coma o voo das aves domésticas, e rara era a ocasión na que as súas conclusións traían algo de proveito. Esa, cando menos, era a impresión que mantiña o seu xefe don Francisco, Franco para os seus amigos, a pesar de que xa pasara dos sesenta facía algún tempo e semellaba un tanto ridículo chamar a un home daquela idade cun diminutivo; un home por certo a quen o bo de Horacio non contrariaba nunca, sen que poidamos precisar ben se o motivo era por educación, por temor ou por non ter capacidade para facelo.
-¿Quizais o aire? ¿Quizais as hortalizas, as augas ou algunha substancia radioactiva? Nin idea – pensaba ensimesmado o bo de don Horacio.
-Non lle podo contestar, doutor – dixo don Horacio con voz ben alta, logo do inexpresivo soliloquio, no que don Francisco Xosé aproveitara para ler o expediente con tranquilidade e sen que, aparentemente, lle prestara a máis mínima atención ás elucubracións do seu axudante.
-Escoita, mira o que di o expediente deste tipo – díxolle, probablemente por non falar só – “este paciente realiza enormes correrías, normalmente cincuenta ou sesenta quilómetros diarios, e cando cansa senta nos sitios máis inverosímiles, enriba dos sinais de tráfico, nos tellados ou incluso enriba das estatuas. Neses intres exhibe os seus órganos xenitais ás persoas que se atopan nos arredores e, posteriormente, mastúrbase. Normalmente ten que ser evacuado pola Forza Pública ou polos Bombeiros, co conseguinte barullo, e aos que nalgunha ocasión ten recibido coa explosión dunha bolsa plástica chea de ouriños…Téñense contabilizado catro accidentes de circulación graves, motivados por algunha intervención do paciente…Nas crises agudas, a súa linguaxe faise inconcreta e carente de sentido”.
O informe proseguía durante dous folios máis, ateigados de tecnicismos médicos e historias fantásticas co Leonardo Euloxio de protagonista, pero don Francisco Xosé Crespón Baldeiro considerou innecesario dar maior información ao seu axudante, ou cansou de ler, que tamén é outra posibilidade a ter en conta, e deixou o expediente enriba da mesa.
Seguidamente agarrou coas dúas mans a súa gorda cabeza, fortemente, como se quixese comprimila, e tras dun tenso silencio, gritou:
-Maldita sexa a miña estampa. ¿Pero por que, por que a min? Nin que neste maldito País non houbese máis centros psiquiátricos aos que mandar aos tolos.
En certo modo, a don Francisco Xosé tamén lle pasaba como ao seu axudante no sentido de que a súa imaxinación non lle daba para moitos alardes, e sempre que recibía a un novo ingresado montaba o mesmo número grotesco, que non era máis que unha copia exacta dos anteriores.
Don Francisco fixo outra pausa e prendeu un pito, mentres daba en mirar pola fiestra como os enfermos pasaban polo que algún día fora un xardín, cando a Deputación aínda amosaba un mínimo de sensibilidade polo hospital. Despois, xa máis acougado, encarouse co seu enmudecido axudante e trasladoulle as directrices de costume.
-Está ben, Horacio, se fas o favor encárgate dos requisitos de admisión, que eu, pola miña parte, remato por hoxe. ¡Non aguanto por máis tempo este espazo claustrofóbico!
Don Francisco Xosé levaba toda a vida dicindo o mesmo, o que quizais, é unha posibilidade que apuntamos, fose a verdadeira motivación da actitude apática do seu axudante.
O director pechou o escritorio e escondeu a chave baixo do cinceiro que había enriba da mesa do seu despacho, cheo de pavas a rebordar, mentres ollaba de retranca para Horacio e collía da mesa un exemplar do Xornal Popular, o seu periódico favorito, que dobrou entre o seu brazo e o tórax, para seguidamente saír porta a fóra, na dirección do seu coche.
No diario, dentro da sección de anuncios breves, don Francisco enmarcara en trazo vermello un anuncio, cotián no derradeiro ano e medio, que dicía: “médico colexiado nº PO-361451, psiquiatra e naturópata, ofrécese para curar a frixidez feminina e a impotencia sexual do home”.
Casualmente, o teléfono de contacto coincidía co de don Francisco Xosé Crespón Baldeiro.
Horacio Apuleio de Mendoza agardou ata asegurarse de que o seu xefe, que fuxira como alma levada polo señor das moscas, estaba fóra do recinto hospitalario, e cando mirou como o Mercedes Benz do seu xefe se perdía pola estrada volveu a entrar no despacho, pechou a porta por dentro, para non levar sobresaltos, levantou o cinceiro baixo do que don Francisco Xosé escondera a chave e abriu con ela o escritorio. Entre a maraña de botellas baleiras acertou a topar a de whisky escocés de dezaoito anos coa que a querida do xefe, unha farmacéutica de moi bo ver, o agasallara no seu sesenta e tres natalicio. Seguidamente, serviuse un vaso cheo ata o bico, volveu poñer todo en orde e sentouse na confortable cadeira de don Francisco Xosé. Despois puxo os pés enriba da mesa, como mirara facer a John Wayne nalgunha película e, recostándose, respirou fonda e tranquilamente. Só entón quedou en condicións de proseguir, sen medo á fatiga nin a don Francisco Xosé.
Responder citando mensaje
  #8  
Viejo 23/nov/06, 12:12
gustavoadolfoloural
Usuario activo
 
Fecha de ingreso: 10/oct/05
Mensajes: 280
Predeterminado

...boeno, como hoxe parece que o tempo non da pasado, con tanta choiva, e como me aburría, decidín seguir con Ama Rosa sección local....

Chico Gómez Davila e o seu irmán Sabarino xa traspasaron a barreira dos oitenta anos hai algún tempo, pero iso, como eles mesmos din, non ten a maior importancia, e só se lles nota a decrepitude, un pouco, cando comezan a falar, porque son moi lentos e fano moi baixiño, case nun susurro.
A verdade é que Chico e Sabarino nunca atinaron moito, pois sempre tiveron unhas teimas moi raras, incluso cando eran uns raparigos pequenos.
Chico e o seu irmán Sabarino levan máis de vinte anos sen saír da praia Longueirona, onde teñen a súa casiña, herdada dos seus defuntos pais, a non ser que o fagan en chalana e polo mar, pois por culpa de Fabricio T, que é o seu veciño, colleron a teima de que se cruzan por baixo da ponte do camiño de ferro, que durante moitos anos foi a única entrada para a praia, caeranlle as pedras da ponte enriba. Outros tamén cren en cousas tan inverosímiles, como, por exemplo, que lles toque a lotería, pero non obstante non son tidos por tolos.


V

O rifeño Mustafá Kemal Hassani estaba abraiado, pois a cea á que fora invitado polo cura fora espléndida, digna dun xeque dos contos de Sherezade e, dende logo se lle preguntasen a priori pola posibilidade de vivir unha experiencia semellante, estamos ben seguros que riría a cachón, por parecerlle disparatado, xa que se ben el era pouco ou nada devoto, seguía a ser musulmán e non lle entraba na cachola que un cura católico o convidase a xantar, senón era coa repugnante intención de convertelo ao catolicismo, que non parecía ser o caso.
O certo fora que don Ramiro resultara ser un anfitrión xeneroso, aínda que algo obsesionado coa idea de empapuzalo; e, para rematar, aínda se permitira o luxo asiático de ofrecerlle café e tamén copas de licor, o que en principio lle provocara unha certa reticencia, que axiña venceu a insistencia do cura, ata o punto de que o convenceu de que negarse a tomalas sería unha falta de respecto, e incluso lle pareceu como se tratase de causarlle boa impresión a propósito, e non tiña porqué, pensaba o rifeño uns momentos antes de caer no pecado ao que o levaba aquel cura católico. Mustafá xamais imaxinara tanta solidariedade nun profesional do rezo, que eran xente pola que non sentía excesiva simpatía, nin sequera polos da súa relixión, o que lle fixo reflexionar que aínda quedaban boas xentes polo mundo.
O caso foi que co viño e as copas foise animando a reunión e a conversa foise novelando ata achegalos ao romper o día dunha forma ben doce, ao punto que se alguén os escoitara a media noite pensara que se trataba de dous vellos amigos que levaran moito tempo sen verse e tiveran unha morea de cousas que contarse, ata que de súpeto, cando xa nacera o día, don Ramiro deixou as banalidades a un lado, púxose transcendental e atacou a fondo, para facerlle a pregunta crucial.
-¿Saberías axudar a dicir misa?
-Por siposto qui non, que si cre vustede. Eu son musulmán – contestou Mustafá Kemal Hassani co seu peculiar galego entre arroutos de agradecemento – pero… - e fixo unha paradiña, como para dar un aire reflexivo ao asunto – mal sirá qui non mi apañe. Cuido qui non sexa tan difísil o paseares por diante de vustede, cumo a cula do gato arredor das pirnas du siu amu e botarlle viño na vinagreira.
Mustafá Kemal Hassani, totalmente enchispado, divagaba e deixaba afluír unha locuacidade etílica que sería ben difícil de intuír previamente, e que a duras penas conseguía manter unha coherencia, facendo perigar a paciencia de don Ramiro, que o escoitaba cun certo nerviosismo mal disimulado.
-Ben, moi ben – díxolle apresuradamente, cando cansou da súa cháchara – o malo é que non vas ter moito tempo para practicar – don Ramiro xa daba por suposto que o outro aceptara a contratación – así que presta toda a atención que poidas e grávao ben, non vaias esquecelo.
E deseguido, comezou a aleccionalo con moita autoridade:
-…verás, non debes botarme nada de auga, antigamente facíase así nunha das que ti chamas vinagreiras, pero como era un costume parvo, mudarémolo a partir de agora mesmo…
E nunha arroutada incrible nun cura, díxolle tras un breve silencio que aproveitou para tomar aire:
-…prefiro que me poñas viño nas dúas. É máis asisado – díxolle entre risas mentres lle chiscaba un ollo – e a xente non se decatará de nada.
Mentres lle dicía esta última frase, o cura chiscoulle outra vez o ollo dereito, nun xesto que pretendía ser cómplice, colleu a botella de augardente e bebeu o pouco líquido que aínda quedaba directamente.
-Eu mesmo - proseguiu logo dunha pausa imperceptible na que se limpou os beizos coa manga da sotana, meteu un dedo no nariz e arroutou e sacou a lingua, nun aceno realmente difícil, que só realizaba cando estaba enchispado – encargareime de indicarche se tes que ir á miña dereita ou á miña esquerda. ¿Sabes os acenos do as e do tres na brisca? ¿Si? Estupendo. O do as quererá dicir que tes que moverte para a dereita, e o do tres para a esquerda, e se tes que darme ou coller algo xa estenderei a man para atrás. Será un xogo de nenos moi sinxelo e entretido. Xa verás.
E así foi de alí a escasamente unha hora e media, ata o punto que entre os asistentes houbo quen dixo que aquilo para nada semellaba unha misa católica, e que só lle faltara o fume para parecer unha danza india, pois o Cristo parecía un soldado do Sétimo de Michigan atado no pau do tormento; e o cura, que levaba a vestidura talar por dentro dos pantalóns, deixando ver aos seus fregueses a parte posterior das súas pernas cando se encaraba co altar, parecía o xefe da tribo; cun sancristán dando voltas sen xeito arredor del, que parecía o feiticeiro invocando ao deus da choiva.
De cando en vez, os espectadores das primeiras bancadas escoitaron nítido o vozarrón etílico do cura dicíndolle ao seu sancristán:
-¡Éncheme o cáliz, carafio!
Don Ramiro ergueu a copa unhas cinco ou seis veces, aproveitando cada ocasión para mandar un novo grolo, que era inmediatamente seguido polos comentarios dos fregueses, que asistían a aquel espectáculo completamente aterrorizados.
-¡Que irreverente!, ¡isto xa parece a taberna de Anita! – comentaron ao unísono dúas beatas visiblemente anoxadas, e que realmente xa tiñan que ser ben vellas para lembrar a que foi taberna de Anita, un antro de perdición onde en tempos se bebía e logo, no piso de arriba, se permitía o fornicio rápido nas habitacións.
-Isto é unha burla da relixión católica – engadiu outra alporizada – Mañá mesmo penso escribirlle ao bispo para dicirlle catro cousas a propósito deste herexe.
-¡Bebeuno todo, que saque! – comentou alguén máis pragmático.
Mentres, os nenos que asistían aos oficios divertíanse como nunca o fixeran, sobre todo os que estaban na alzadeira; e un deles, de aparencia ben rara, por certo, pois tiña uns ollos saltóns e uns dentes enormes, como equinos, amais de vestir un traxe a cadros polos que parecía transparentarse a luz, propuxo cruzar unha aposta por ver cantos grolos aguantaba en pé o cura e axiña se xuntaron con el coma nun orfeón, no fondo do coro, unha ducia de apostantes que só o demo podería saber de onde saíran e que ideas levaban.
O caso foi que ninguén acertou e o neno rarísimo quedou cos cartos da aposta e desapareceu, sen deixar ningún rastro, a non ser un leve cheiro a xofre e a corno queimado, que pronto desapareceu no máis forte cheiro do incenso e a cera da igrexa de Santiago de Lourenzá de Xermade.
Mentres sucedía esta barafunda no fondo do templo, o cura chegaba ata a bendición final expresando o formulismo de “podedes ir en paz” sen caer, se ben, chegado a aquel punto, o seu corpo extenuado deu o resoplido final en forma dunha enorme ventosidade, e instantaneamente un sabor a chucrut invadiu as primeiras bancadas, anestesiando a aquelas almas católicas; e o sancristán caeu esvaecido, non sabemos moi ben se por emular a algún daqueles santos medievais que quedaban en éxtase polos seus prolongados xaxúns, ou se por imitar os xiros dalgún dervixe en período de aprendizaxe.
Despois daquela apocalíptica escena, as forzas vivas de Lourenzá de Xermade decidiron que xa era tempo de darlle un ultimato a aquel pervertedor e dexenerado, indigno de representar a tan alta institución na vila de Lourenzá de Xermade.


Siso o das Coviñas tiña un vulto bestial na súa entreperna e durante moitos anos houbo quen pensou que aquel vulto era un sorprendente aparato sexual, ata que un día, Narcisa González Outerelo, tida por ninfómana na localidade, botouse a el como un animal desbocado e acabou co equívoco.
O certo é que Siso non ten nada do que se lle supoñía, senón unha hernia case tan grande coma os testículos dun animal de tiro, e hai días en que nin se pode mover coa dor que lle produce, pero a imaxinación morbosa das xentes, xa se sabe, dá moito de si.


VI

Eran xa máis das dúas da tarde cando o xefe da Policía de Lourenzá de Xermade baixaba as escaleiras da calexa que separaba a rúa do Hospital da rúa do Mariscal Pardo de Cela, onde quedaba emprazada a casa do concello, e facíao bulideiro, facéndose aínda máis visible a pequena coxeira da súa perna dereita, que fora producida anos atrás por un pequeno accidente doméstico ao limpar a ánima da súa pistola regulamentaria, e que só se lle notaba cando trataba de apurar o paso.
Don Renato Daniel cruzou a praza de El-Rei e dirixiuse ao despacho do señor alcalde con toda a solemnidade da que era capaz, logo de tropezar coa porta acristalada que daba entrada ao edificio consistorial, aparentemente disposta para tal cometido, a teor das moitas veces que o saudaba daquel xeito.
-¿Para que carallo me chamará o alcalde? – pensaba mentres subía as escaleiras que levaban ata a alcaldía, e mentres agarraba coa man dereita a súa fronte, mesmo no lugar onde se dera o golpe.
Responder citando mensaje
Tema Cerrado








Comunicación y utilidadesComprar y venderInformaciónOcio
Correo
Tu web gratis
Foros
Chatmania.com
Logos y Melodías
Postales
Guía e-mail
Agenda
Antivirus
Compras
Subastas
Ofertas
Coches
Móviles
Clasificados
HispaVista Empresas
Viajes
Fotografía
Dominios
Telefonía
Coleccionismo
ADSL
Inmobiliaria
Páginas Amarillas
LaBolsa.com
Trabajos.com
Guía - Buscador
Noticias
El Tiempo
Horóscopo
Loterías
Formación
Canal Mujer
Blogdiario.com
MegustasMucho.com
Quedaconmigo.com
Cine
Música
Juegos
Software
Compañeros
Casino Poker
 
Guía - Buscador:

Mapa Web - Publicidad - Escríbenos - Notas de Prensa - Trabaja en HispaVista - Investors Relations - Tu sitio favorito
Atención al usuario: 807 488 376


Copyright © 2007 HispaVista · Aviso Legal

free google sitemap submit google sitemap your google sitemap easy google sitemap google sitemap builder